A materia de Métodos Estatísticos e Numéricos é optativa en 2.º Bacharelato. Na orde do 13 de febreiro de 2023 pola que se establece o currículo das materias
optativas do bacharelato e se regula a súa oferta, indícase o seu currículo, e podemos atopar estes contidos:
- Bloque 2. Sentido da medida.
- Integración numérica: método dos trapecios e de Simpson. Aplicación ao cálculo de áreas planas.
- Bloque 3. Sentido alxébrico.
- Resolución de ecuacións con métodos numéricos (dicotomía, da secante, das tanxentes). Uso de programas informáticos.
Unha das posibilidades que temos para achegarnos a este tipo de contidos é GeoGebra, xa que permite conxugar o traballo alxébrico e o visual, á par que o uso da folla de cálculo, vinculando todos os cálculos de forma dinámica. De feito, se nos fixamos nos criterios de avaliación asociados a eses dous bloques, podemos ver como podemos atender a varios deles se escollemos esta vía de traballo.
- CA2.1. Manifestar unha visión matemática integrada, investigando e conectando as diferentes ideas matemáticas.
- CA2.2. Seleccionar a solución máis adecuada dun problema en función do contexto (de sustentabilidade, de consumo responsable, de equidade...) usando o razoamento e a argumentación.
- CA3.1. Seleccionar e utilizar diversas formas de representación valorando a súa utilidade para compartir información.
- CA3.2. Integrar o uso de ferramentas tecnolóxicas na formulación ou investigación de conxecturas e problemas.
- CA3.3. Obter todas as posibles solucións matemáticas de problemas da vida cotiá, da tecnoloxía e das ciencias e describir o procedemento realizado.
- CA3.4. Interpretar, modelizar e resolver situacións problematizadas da vida cotiá, da tecnoloxía e das ciencias utilizando o pensamento computacional, modificando, creando e xeneralizando algoritmos.