GeoGebra é un software que nace no ano 2001. Como é ben sabido, o seu propio nome fai referencia a que permite integrar o estudo da xeometría (Geo) e da álxebra (Gebra). Experimentar, investigar, indagar, conxecturar, pescudar, verificar, analizar, observar, meditar, comprobar... moitas son as accións que me veñen á mente cando penso para que serve GeoGebra.
Co paso dos anos, GeoGebra evolucionou e foi engadindo características e comandos, así como aplicacións para poder empregalo en diferentes tipos de dispositivos, e tamén funcionalidades coma o modo Exame, as Notas ou o Classroom.
Na actualidade, tanto na versión 5 coma na 6 hai varias vistas diferentes. Neste obradorio empregaremos as máis habituais Vista Gráfica e Vista Alxébrica, pero tamén a Vista de Folla de Cálculo, presente en GeoGebra xa dende a versión 3.2 do 2009. O obxectivo desta actividade é aproveitar estas vistas e crear material para a materia de Métodos Estatísticos e Numéricos, optativa en 2.º Bacharelato.
Antes de comezar, algúns apuntes importantes:
- Eu adoito usar o GeoGebra co idioma galego seleccionado, co cal todos os comandos indicados neste documento corresponden a esa versión. Loxicamente, se usas o GeoGebra con outro idioma debes adaptar o comando convenientemente.
- Para a elaboración deste obradoiro empreguei a versión 6 de GeoGebra, a mesma que aparece nos equipos E-Dixgal. Se usas outra versión, podes atopar pequenas diferenzas.
- En cada un dos apartados incluín un applet para que o teñas de referencia, aínda que non ten por que corresponder ao cen por cen co proposto paso a paso.