GeoGebra é un software que nace no ano 2001. Como é ben sabido, o seu propio nome fai referencia a que permite integrar o estudo da xeometría (Geo) e da álxebra (Gebra). Experimentar, investigar, indagar, conxecturar, pescudar, verificar, analizar, observar, meditar, comprobar... moitas son as accións que me veñen á mente cando penso para que serve GeoGebra.
Co paso dos anos, GeoGebra evolucionou e foi engadindo características e comandos, así como aplicacións para poder empregalo en diferentes tipos de dispositivos, e tamén funcionalidades coma o modo Exame, as Notas ou o Classroom.
Na actualidade, tanto na versión 5 coma na 6, unha das seis vistas dispoñibles é a Vista de Estatística e Probabilidade, que apareceu na versión 4.0 lanzada no 2011, xunto con diferentes ferramentas ligadas á análise de datos e ao cálculo de probabilidades. Xa anteriormente, na versión 3.2 do 2009, apareceran a Vista de Folla de Cálculo e varios comandos para as funcións estatísticas.
O uso máis estendido de GeoGebra está claramente vencellado á súa idea orixinal: álxebra e xeometría, e tamén ás funcións, que vén ser basicamente onde aquelas dúas se xuntan. Non pretendo crear misterio ningún, e xa ao comezo deste obradoiro imos contestar á pregunta do título: SI PODEMOS. Marcaremos hoxe como obxectivo promover o GeoGebra para o estudo da estatística, en virtude do cal presentaremos as opcións que o programa foi incorporando nas sucesivas actualizacións e que temos hoxe á nosa disposición.
Durante o tempo que dure este obradoiro, trataremos de abordar a estatística unidimensional, tanto con variables discretas coma continuas, a estatística bidimensional e as distribucións de probabilidade binomial e normal.
Antes de comezar, algúns apuntes importantes:
- Eu adoito usar o GeoGebra co idioma galego seleccionado, co cal todos os comandos indicados neste documento corresponden a esa versión. Loxicamente, se usas o GeoGebra con outro idioma debes adaptar o comando convenientemente.
- Para a elaboración deste obradoiro empreguei a versión 5 de GeoGebra. Se usas a versión 6 ou a app, atoparás pequenas diferenzas nalgún dos pasos propostos.
- En cada un dos apartados incluín un applet para que o teñas de referencia, aínda que non corresponde ao cen por cen co proposto paso a paso.